Thursday 09 de May de 2024

Demencia Social gaña a primeira edición do concurso de bandas Flores Rock


Actuarán no escenario principal do Flores Rock en horario prioritario e poderán gravar un EP propio nun estudo da cidade

Crowded e Noxxo acadaron o segundo e terceiro premio respectivamente

A sala O Túnel acolleu esta pasada noite a fase final da primeira “batalla” de bandas do Flores Rock, convocada polo Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores a fin de promocionar a música e artistas locais. Na cita reuníronse as oito bandas finalistas seleccionadas para mostrar o seu repertorio en directo ante o público e o xurado do festival.

Demencia Social conquistou a ambos facéndose co ouro nesta primeira edición. A banda gañouse unha praza no Festival Flores Rock deste ano, previsto para o día 2 de setembro, onde terá a oportunidade de tocar no escenario principal en horario prioritario. Ademais o primeiro premio tamén contempla a gravación dun EP orixinal nun estudo da cidade. Crowded tamén gañou a súa praza no Flores Rock 2023 como segundo premio, actuando nun escenario secundario, ademais da gravación dun videoclip dunha canción orixinal. O terceiro premio foi para Noxxo, gañando un cheque de 100 euros e a posibilidade de actuar nun espazo da cidade aínda por determinar.

As tres bandas gañadoras designáronse en función da puntuación total, de acordo coa porcentaxe marcada nas bases de valoración (51% voto do xurado e 49% do público). O público votou de forma presencial a través da entrada, marcando no mesmo billete cunha cruz a banda seleccionada.

O xurado, formado por persoal municipal do IMCE e da Plataforma de Veciños do Barrio das Flores, destacou a calidade dos grupos musicais e a orixinalidade das propostas.

A alcaldesa, Inés Rey, celebrou a calidade amosada polas bandas coruñesas que participaron no evento e felicita aos gañadores do Concurso: “A Coruña é unha cidade cuns músicos excepcionais e queremos axudar á súa proxección desde a base”, indicou.